Ilustración de Safo
Acabamos. Non estivemos todos (houbo tres significativas ausencias: pena), pero falamos dese último tercio da obra: da súa relación con Arthur, e da aparición dese ambiguo Chuck de contradictoria personalidade; de como Tobias, alias Jack, toca fondo (baixada aos infernos: o roubo da gasolina á familia menos adecuada); da (re)aparición de Geoffrey -hoxe tamén escritor- e da (re)aparición do seu pai, aínda que certamente extraña; da ambivalente actitude da nai co seu ex-marido; das extravagancias de Dwight, ese... hmmm, ¿ser humano...? E así. Tivemos un amago de tratar a cuestión do estilo deste escritor, mais despois dun pequeno anaco fuximos por pernas, non fora ser que se puxera a cousa interesante e tal. Cremos recordar que houbo algo parecido a un acordo en torno á sensación de que o final resulta un tanto precipitado, como se o autor quixera pechar demasiadas portas antes de saír da habitación. Alguén engadíu que esas derradeiras páxinas eran algo máis confusas cas anteriores, posto que agora o noso escritor xogaba en exceso cos saltos temporais (mais non sabemos se estaremos todos de acordo niso...).
Houbo tamén un par de propostas que poderíamos chamar... eeerrr... "complementarias":
- A lectura do libriño de poemas de Ana Merino, de Visor, titulado "Juego de niños"
- A visión en DVD da película de Truffaut chamada "Os catrocentos golpes"
De momento só unha persoa animóuse a ler o libriño e ver o filme, e talvez outra. A idea é ir pasando de man en man ambas obras, se se quere. O filme sería mellor velo en V.O. en francés, con subtítulos. Cremos que sería o adecuado.
Polo demais, a día de hoxe xa está repartido o libro segundo deste club: "Vieja escuela", de Tobias Wolff, en Alfaguara. Se ben foi escrito moito despois, non deixa de ser algo parecido á continuación da historia que rematamos, aínda que non se trata dun libro propiamente autobiográfico, senón dunha novela cargada de elementos e vivencias tomadas da vida de Tobias Wolff na escola que en "Vida de este chico" é chamada escola de Hill. O próximo 7 de Abril, ás once, temos a reunión I, coa pretensión de ler ata a páxina 140, e non máis, por favor. Aquí tes o enlace para chegar ao novo blog dedicado a ese libro.