Mostrando entradas con la etiqueta ARTHUR WOLFF. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ARTHUR WOLFF. Mostrar todas las entradas

viernes, 19 de marzo de 2010

No Día do Pai (e do fillo, e do espírito farto)

Ilustración de A.C.S.
Arthur Samuels Wolff quizáis sexa o anhelo máis profundo do protagonista da novela nos seus anos de neno. É o pai. Na ficción, e na realidade, a súa ausencia vese contrarrestada polo libro “The Duke of Deception: Memories of my Father” (curioso título, ¿non?) de Geoffrey Wolff. As circunstancias que arrodean o libro son ben curiosas. Polo visto, a Geoffrey naceulle a necesidade de escribilo cando, metido na bañeira do castelo no que vivía en Francia, vese atravesado polo remordemento. Ou igual deberiamos chamalo “tardío axuste de contas”, para ben, dado que non se daba quitado da cabeza que, un ano antes, cando seu pai morrera, entre as súas pertenzas atoparan un exemplar estragado polo uso da súa primeira novela, “Bad Debts”, na que un dos personaxes, non precisamente o do triunfador, está inspirada nel. Claro que, unha vez que se ve cal era o percal, tampouco estraña demasiado. O tal Arthur Samuels Wolff, fillo dun médico xudeo, expulsado de todos os institutos e da mariña, por problemas dentais, tamén coñecido como Duke Wolff, e incluso como Saunders Ansell-Wolff terceiro (e non bromeo), era un tipo especial: un timador elegante e encantador. Falsificador, moroso e ese tipo de cousas. Un dandy enxeñoso que, pese a beber máis da conta, conseguía cousas inverosímiles. Claro que, así lle foi: tres condenas de prisión, múltiples arrestos... A Rosemary, a nai, -e a súa vez filla dun oficial da mariña que non debeu reparar nos seus dentes-, díxolle cousas moi divertidas, como que era episcopaliano e alumno dunha universidade de prestixio, piloto, membro da R.A.F e antigo combatente na resistencia francesa. Todo xunto. Cando o matrimonio se desfai, Duke colle o seu fillo maior (Geoffrey) e, durante alomenos seis anos, os dous irmáns pérdense a pista. O primeiro encontro logo dese tempo é idea do pai, quen paga a Tobias a viaxe ata La Jolla, en California, onde estes vivían. E pode que sexa demasiado pretencioso dicir que foi un momento crucial na vida do máis novo dos Wolff, pero é que realmente así o parece. Nese verán, en efecto, seu irmán obrigouno a ler e a escribir, sobre todo escribir, cousa pola que xa se sentía de seu inclinado. Tobias recoñece que “Geoffrey foi a primeira persoa que coñecín para quen os libros eran a mellor maneira de pasar o tempo. Eu xa intuía que quería ser escritor, pero nunca estivera con xente a quen lle importaran os libros, xente que tivera a impresión de que iso era algo que alguén sensato quixera ser”.

Fontes, por se queres informarte de primeira man: unha; dúas. Pásao ben, e non esquezas que deixar un comentario aquí mesmo é... ¡gratis total!, e non engorda.

martes, 9 de marzo de 2010

Ideas para a reunión de mañá mércores 10

(Ilustración de A. Suárez)
Botando unha ollada a entrada inmediatamente anterior pódese atopar un par de pistas para o diálogo de mañá, se iso é preciso. Mais gústanos enredar, e enredamos pois:
1) Hai un parecido evidente entre o título deste libro e o da revista dos "scouts" ("Vida de chico"). Se relemos, p. ex., as páxinas 121-124, daremos con liñas significativas, e de paso outra vez aquela cor "militar" e o espírito da frase inicial de Oscar Wilde. E así lemos: "Me rendía fácimente (...) lleno de planes." Por certo, con algo disto garda certa relación outro conto de TW, titulado "Intrépidos pilotos", incluído en La noche en cuestión (Alfaguara);
2) ubicados agora no interior da fantasía de París, "Jack" plantéase a posibilidade do cambio do seu apelido. xa cambiara de nome sen problema (ignorando a vontade do pai ausente), pero agora négase a perder o seu apelido que o une a súa nai. Sutil diferencia. Mais, el, no momento presente escritor, deixa caer o recordo da súa nai aprendéndolle a escribir (p. 163)...

sábado, 6 de marzo de 2010

Retrato de familia con can

Páxina a páxina cabalgamos cara á segunda reunión. As escenas e os detalles vanse acumulando, e certas repeticións comezan a destacar pola súa insistencia, significativamente... Unha vez máis as relacións entre os personaxes chaman a nosa atención:
- A relación de Jack (Toby) con Dwight
- Coa súa nai
- A da súa nai con Dwight
- A de Jack con Arthur, un personaxe que non debe pasar desapercibido
- A de Jack co seu "pai ausente" (neste segundo tercio da obra non podemos seguir facendo como se esta ausencia non pesara)
- A súa relación, extraña, con Pearl
E tamén esta sensación de "road movie conxelada", de historia de carreteira detida. Se comezábamos viaxando de Florida a Utah, e logo a Seattle, e parecía que o movemento ía sentirse en cada páxina, coa aparición de Dwight -atención ao comportamento deste cando viaxa repetidamente a Seattle para impedir a boda da súa filla: T.W. non parece quitarlle o pan e o sal totalmente a este particular home-, coa aparición de Dwight, dicíamos, o movemento queda en suspensión, se é que tal expresión é correcta: pensemos neses tímidos intentos de Jack co auto-stop; ou o seu soño de ir a México con Skipper; ou a fantasía parisina; ou a frustrada intentona de ir a Alaska (¿como Jack London?) con Arthur; ou as escapadas nocturnas no coche de Dwight con can incorporado...
¿Algo máis? Non moito, por non agobiar -supoñendo que haxa alguén do outro lado da pantalla: ¿hai alguén aínda...?-. Deamos a Arthur a importancia que reclama como personaxe: a súa aparición, como é presentado polo autor: Parecía querer algo. A veces le pillaba mirándome (...). Toda mi vida he reconocido casi a primera vista a quienes estaban destinados a ser mis amigos y ellos me han reconocido a mí. Por outro lado, páxinas 142-144, sobre o seu pai ausente. Mira despois ao final da 145: Algún día, pensaba, alguien pararía. y me diría: "Puedo llevarte hasta Wilton, Connetticut...", co pai tamén na súa mente (o pai vivía alí, casado con oputra muller, como dixo páxinas atrás T.W.).
Talvez este blog estea pedindo a gritos que outras voces digan mu..., e que non tarden moito en facelo.
Antes do mércores introduciremos outra entrada pensando na reunión II. Fin por hoxe.

miércoles, 24 de febrero de 2010

Ideas para a reunión deste venres 26, ás 11:00 horas

(Ilustración de A. Suárez)

Este venres será a reunión I, no recreo, á entrada do noso edificio, ás once "en punto" (por favor, é conveniente que sexamos puntuais, porque non teremos demasiado tempo). Éstas son as suxestións que de cara a tal reunión se nos ocorren, os temas ou puntos de interese que poden dar algo de si, entre outros moitos, claro:
  • A relación entre a nai e o fillo (Toby-Jack)
  • A relación entre a nai e o exmarido, e entre ela e o home que regala o rifle a Toby
  • A relación entre a nai e o seu pai (avó de Toby), oficial de marina. (¿Recorda algo ao conto de Wolff lido no curso pasado...?). A forma de educar a Toby e a forma en que ela foi educada
  • Relación de Rosemary (a nai) con outros homes
  • Relación do rapaz con todos eses homes (o pai, etc.)
  • Relación do rapaz co "problema xudeu" (por así chamalo)
  • ¿Por que cambiar o seu nome por "Jack", como Jack London?
  • Como vive Toby a súa relación co catolicismo, o catecismo, a confesión (escena onde a monxa "confésase" ante Toby, etc.)
  • O espacio (Florida, Utah, Seattle, pensións, casa, casa de Dwight...) e a súa importancia na historia
  • Toby e "o mal" (bromas telefónicas, ventás rotas, disparos, tiro con arco, roubos, etc.), e a relación cos seus ¿amigos?
  • Peso das citas inicias de Wilde (pose, artificio, ¿ficción?, ¿simulación?) e de Alinsky (corrupción, ¿mal?, ¿violencia?, ¿transgresión?, ¿sentimento de culpa?...) no devir da historia...
  • ¿Uh...?